Actos de interes


Visita Axenda Aberta
Premede para acceder
Axenda Aberta




4/10/10

Chamamento para a "Refundación da Esquerda"

 Para construirmos unha alternativa nacional e de esquerdas.

A Esquerda foi unha esperanza para millóns de persoas durante décadas. Foi e segue a ser unha garantía de que outro mundo é posible. Pero a Esquerda vén de sufrir unha prolongada erosión que non só se reflicte no seu retroceso electoral. A cidadanía non participa nas decisións importantes e o tecido asociativo é cada vez máis feble.
Numerosos foron os erros políticos e non os queremos ignorar. Mais o neoliberalismo non só creou unha enorme precariedade laboral e unha terrible destrución medioambiental, non só alongou o tempo de traballo á custa do tempo reservado a todo o demais. Asemade, mantivo a división sexual do traballo, obrigando ás mulleres a sobrevivir con xornadas dobres e triplas. Segmentou a inmensa maioría da cidadanía, e moi en especial ás traballadoras e traballadores, ao fomentar a competencia entre nós, atomizándonos, transmitindo a sensación de que somos os únicos e as únicas respondables dos males que lle doen ao mundo, de que non hai alternativa á actual orde das cousas.
O neoliberalismo entrou en crise mais aínda non morreu, e hai serios intentos de recompoñelo. As súas receitas económicas, a súa influencia ideolóxica e o seu modelo de civilización atópanse á defensiva.
Isto abre novas oportunidades para aquelas e aqueles de nós que cremos nunha convivencia máis xusta e solidaria, nun modelo económico acorde coas necesidades das persoas e do medio ambiente, na posibilidade e na necesidade dunha sociedade distinta. Nalgúns países esta situación está a producir converxencias esperanzadoras entre todas as familias e sensibilidades da Esquerda. En América Latina estase a fundar un novo ciclo histórico.

Son procesos complexos nos que se teñen que abordar os desencontros do pasado, os enfrontamentos entre o reformismo e o anticapitalismo máis explícito, entre a cultura da intervención directa e as formas máis institucionais da participación política. Mais son procesos que espertan esperanzas nun mundo mellor entre amplos sectores da poboación.

Chegou a hora de pórmos en marcha este proceso no noso país. Malia a fragmentación da Esquerda, do desencanto e da desmobilización social, o potencial democrático da sociedade galega segue a ser enorme. Baixo a casca institucional e da cultura política oficial, da corrupción e da manipulación informativa, existen amplos espazos nos que a solidariedade, os valores de xustiza social, de igualdade de xénero, de honestidade e transparencia seguen sendo innegociables. As loitas e mobilizacións contra a guerra, as protestas pola marea negra do Prestige, a folga xeral de 2002 contra o “decretazo”, as loitas obreiras no metal, as de “Galiza non se vende” ou na defensa do galego, dan conta dos devanditos espazos alternativos. Moitas persoas que habitan estes espazos proclaman que é necesario construír unha orde social e económica máis xusta, unha
civilización máis pacífica e cooperativa no planeta, un sistema de traballo que dignifique as persoas no canto de destruílas. Afirman que o colapso ambiental tense que abordar dunha maneira distinta á que ditan as leis do interese e da rendibilidade privadas, que é posible construír unha sociedade máis igualitaria entre mulleres e homes. Neles e nelas latexa a convicción de que é necesario crear unha sociedade distinta á capitalista.

Ben, pois este é o momento axeitado para darmos un paso de tal natureza. O modelo económico e produtivo inaugurado hai varias décadas xa tocou fondo. O paro vai en aumento até rozar o 20% da poboación activa malia as sucesivas reformas laborais. É un modelo produtivo incompatible cos obxectivos que se marcou a humanidade para afrontar o cambio climático, con calquera forma avanzada de xustiza social, coa dignificación do traballo e coa eliminación da dominación do home sobre a muller. A súa cultura política, fortemente bipartidista, alimenta a corrupción e o suborno. O seu modelo económico, baseado na renda financeira e inmobiliaria, alimenta o poder da banca sociedade, fomenta a cultura do diñeiro fácil fronte ao traballo produtivo, a especulación fronte ao esforzo recoñecido.
Correspóndenos comezar un amplo e capital proceso que permita darlle a este desexo, a esta necesidade de cambio unha expresión política, cultural e organizativa. As e os asinantes deste Chamamento comprometémonos a traballar para que todas as persoas, organizacións e grupos activos que nos reclamamos da Esquerda comecemos a converxer nun espazo común de deliberación e aprendizaxe colectivo. Producir dende o fermento de abaixo, recollendo das diferentes expresións do conflito social coñecementos e forzas para aglutinar un novo suxeito político e social.
Comprometémonos a xuntarnos nos barrios, nos centros de traballo, nas nosas vilas e cidades. Comprometémonos a formar foros e mesas territoriais, foros temáticos e sectoriais para a refundación da Esquerda, espazos nos que poñernos de acordo sobre como abordar os grandes e os pequenos problemas que nos afectan, para tentar solucionalos e ir definindo un novo proxecto político galego federal, republicano, feminista e socialista. Espazos que teñen que ser plurais, mais comprometidos cun proxecto solidario para todo o Estado, xerando algo máis cunha suma de organizacións, núcleos e iniciativas xa existentes. Espazos, en fin, nos que todas e todos podamos sumar e aproveitar os esforzos do pasado, mais tamén fomentar as iniciativas innovadoras.
A refundación tense que facer a partir da nosa historia e identidade nacional propias, recoñecendo a morfoloxía específica da nosa estrutura social e coa determinación de enfrontarmos unha inserción periférica e subordinada na construción do Estado. O pobo galego é un suxeito político que ten que empregar o dereito de autodeterminación para prover de maneira libre a súa condición política e o seu desenvolvemento económico, social e cultural. Para semellante tarefa, precisa achar unha nova ferramenta política e social, que lle dea continuidade as loitas labregas e obreiras que configuran a mellor historia da nosa nación.
Chega o tempo de artellar unha grande converxencia das forzas do traballo, dos movementos sociais e da cultura para ser quen de construírmos unha alternativa nacional e de esquerdas que atenda os diversos e plurais suxeitos que no noso país pulan pola súa transformación radical.
O noso obxectivo é crearmos espazos de participación cidadá dentro e fóra do traballo, núcleos de poder organizado para que as persoas poidan trasladar de maneira directa as súas necesidades ás institucións, aos medios de comunicación, aos centros de poder político local, nacional ou estatal. O noso obxectivo é amosarlle a toda a sociedade que é posible e que é mais efectivo atender aos problemas de forma cooperativa, que non é necesario facelo competindo e atomizándonos. O noso obxectivo é que a cidadanía lle arrinque espazos aos intereses corruptos e endogámicos, á lóxica insaciable do capital, aos intereses das empresas multinacionais. O noso obxectivo é a superación das distintas xerarquías que feren hoxe a nosa sociedade, incluídas as xerarquías de xénero sobre as que se sustenta todo tipo de violencias contra as mulleres.

Nós propomos facelo utilizando medios democráticos, denunciando e elaborando solucións alternativas, creando unha nova cultura republicana na que o de todos e o de todas estea por riba dos intereses excluíntes. Queremos que a cidadanía participe de xeito activo neste proceso abrindo a perspectiva dunha sociedade distinta, máis xusta e sustentable para todas e todos nós, para as nosas fillas e os nosos fillos; unha sociedade na que de maneira real se cumpran e se fagan cumprir os dereitos humanos, incluídos os dereitos sociais, para todas e todos os habitantes do planeta. O noso obxectivo, en resumo, é que a nosa xeración vaia construíndo unha sociedade moito máis xusta, solidaria e sustentable, unha sociedade socialista para o século XXI.

No hay comentarios:

Publicar un comentario