Actos de interes


Visita Axenda Aberta
Premede para acceder
Axenda Aberta




F.Economía

Unha nova racionalidade ética da economía.
Manolo Rivera
Materiais para o debate. Foro de Economía Social e Desenvolvemento.
Nos últimos tempos cobra unha certa importancia o avance que no campo das ciencias sociais e do pensamento ven experimentando un novo modelo de comprensión da racionalidade económica alternativo ao dominante. A partir de el se configuran toda unha serie de propostas da chamada “economía solidaria” ou “economía ética” (e a partir de aquí as novas propostas sobre finanzas éticas, economía e desenvolvemento, valores e economía etc) de interese para un debate político/ideolóxico xeral. Os campos que abarca este novo modelo son amplísimos e amplias son tamén a variedade de implicacións que teñen nos eidos político-programáticos. Entendemos que para unha mellor comprensión da validez das propostas que se fan desde este novo paradigma cómpre ter unha mínima versión do estado de cousas que lles interesan aos autores que defenden como proposta alternativa a posibilidade dunha racionalidade ética da economía. Pártese pois dunha posición previa e cara ela se dirixe primeiro unha crítica e como corolario da crítica unha nova proposta. A posición previa é a hexemónica concepción instrumental da racionalidade económica , o que hai; a crítica diríxese cara os seus supostos fundamentos que son sempre presentados como os únicos racionais e espontaneamente naturais ;a proposta concíbese a partir dunha nova relación entre ética e economía con implicacións no dereito e nas políticas.
Os puntos que a continuación se sinalan pretenden ser un guión dunha moi parcial aproximación ao tema fundamentalmente centrada en aquelo que se critica: o que hai. Parcial porque só se aborda seguindo o planteamento que se pretende superar e parcial porque pretende condensar os conceptos ao máximo, algo así como unha síntese dos supostos básicos , que por obvios ocorre que pasan desapercibidos; precisamente porque do que se trata é de comprendelo a ausencia de conceptos e metodoloxías opostas ao planteamento queda xustificada polo interese de aternos ao que repetimos é o “paradigma dominante” e son excluídas deliberadamente da exposición. En absoluto nos pode interesar que a economía (ou os economistas convencionais) se expliquen ou autointerpreten ou non así; está a comezar a acontecer coa economía o que xa ocorre coa tecnociencia ou os sistemas
administrativos : o seu funcionamento non depende do grado de comprensión que de el teña o coñecemento experto.
1. O paradigma dominante en economía ( escola de economía neoclásica contrarreformada ou non pola variante neoliberal da escola austríaca o que quer dicir que non só se vai tratar da chamada “economía neoliberal” senón do conxunto, e dos seus fundamentos, do que hoxe chamamos simplemente “economía”) descansa sempre sobre o suposto da racionalidade egoísta/utilitarista.
2. Suposto previo ,é dicir, condición de posibilidade de calquera análise en economía é que hai homo oeconomicus: ser egoísta que actúa movido unicamente polo seu interese. É un axente calculador e maximizador do seu propio beneficio que, pola lóxica da “man invisible” ,consigue o beneficio social. As implicacións lóxicas do modelo homo oeconomicus traspasan as fronteiras da economía: a única forza que move (de verdade) ao ser humano é o seu interese privado.
3. Todos os desenvolvementos teóricos posteriores (é dicir: a inmensa maioría da producción intelectual do noso -e o de todos a escala mundial - sistema educativo a todos os níveis ) conducen a variantes dunha única teoría: a elección de conductas que fan as persoas é racional porque ordinaria e corrientemente elixen unha opción que maximiza preferencias e non só safisfai necesidades: a relación entre economía e maximización do beneficio está servida: o cidadán é un consumidor.
4. Excluidas das implicacións lóxicas anteriores estarían as decisións racionais (que non poderían fundamentar nunca decisións económicas) motivadas polos ,por así dicir, valores ético-políticos : compromiso, lealdade, deber ou xustiza.
5. A racionalidade do homo oeconomicus depende só do propio consumo ( e éste é solidario do continuo aumento da producción). É o consumo o que determina as nosas eleccións e é o consumo o que fundamenta o noso benestar. É importante sinalar que para a teoría económica convencional (o paradigma dominante, neoliberal ou non) ésta é a base fundamental sobre a que se asenta como modelo teórico e que está conformada por un bucle de tres supostos fundamentais que
detallamos e que sempre se caracterizan polos apoloxetas como que van xuntos e son imposibles de separar:
a) O benestar é o resultado do propio consumo.
b) Os obxectivos económicos son a maximización do propio benestar.
c) A elección está baseada no propio obxectivo: benestar en forma de consumo individual.
6. Un planteamento ético da economía ten pois que comezar por supor que si é posible separar o bucle: é dicir, preguntarse se ten sentido e non é en absoluto inconsistente plantear que o benestar dunha persoa non dependa do seu consumo (ou só do seu consumo) e teña relación p.e. coa súa familia, comunidade ou conxunto da sociedade, para a continuación abordar o que se desprende do punto terceiro do bucle: a elección baseada no propio e individual obxectivo implica que todas as estratexias económicas obedecen a un planteamento individualista e exclúen calquera planteamento cooperativo.
Xesús Manuel Díaz Suárez
Ferrol, 17 de novembro de 2010.