Actos de interes


Visita Axenda Aberta
Premede para acceder
Axenda Aberta




Axitando

ONDE VAI A DEMOCRACIA?
*Suso Díaz
(Publicado no Diario de Ferrol,Luns, 28 de Marzo de 2011

Na súa intervención no acto de entrega dos premios “10 de Marzo”, Antonio Gutierrez, ex-secretario confederal de CC.OO, abordou un tema que non é moi doado atopar nos medios de comunicación. Referíase a que na globalización o aspecto máis grave non son tanto os recortes sociais como o propio recorte do sistema democrático. Basicamente estou de acordo con esta afirmación. Precisaría máis: os recortes sociais son consecuencia da limitación do sistema democrático xenerado pola dereita política e económica coa conivencia desgraciada, en bastantes casos, da socialdemocracia.
Pois ben, aínda que este tema excede en amplitude as características dun artigo breve, si podemos subliñar algúns dos ataques ao sistema democrático no pasado recente e na actualidade. Así no plano político poderíamos lembrar a “doutrina do shock” aplicada por Bush a partir do atentado do 11-S: invasión ilegal de Iraq, legalización de certos procedementos de tortura, detención ilegal de persoas noutros países, establecemento do inhumano e ilegal campo de concentración de Guantánamo, control das comunicacións. En Europa, podemos subliñar que a dereita extrema goberna nalgúns países, a anomalía democrática que representa Berlusconi ou, a outro nivel, a construción non democrática da UE.
No plano económico, a desregulación do sistema financeiro e dos fluxos de capital conlevaron prácticas criminais que nos meteron na crise actual sen que tivera ningunha consecuencia para os seus actores. Todo o contrario, os gobernos dobréganse ante eles e non adoptan medidas que podan impedir que se repita a situación: non se ilegaliza a especulación, incluída a que afecta a bens básicos como a enerxía, vivenda ou alimentación. É indignante que se aproveiten da traxedia de Xapón para especular contra do yen; seguen sen se eliminar os paraísos fiscais, niños do diñeiro da criminalidade e da evasión fiscal e organismos non democráticos son os que impoñen as políticas económicas e sociais ao servizo do gran capital. Como agudamente subliña El Roto: “Pretenden que dejemos la situación en manos de los expertos que nos llevaron a ella”.
A dereita aproveita a crise para eliminar ou recortar dereitos que custou moitos anos conquistar; en España é Zapatero quen lles fai o traballo sucio nun suicidio político sen precedentes.
Alén destes recortes está o ataque aos sindicatos -piares básicos do sistema democrático- nun intento de derrubar o muro que está na vangarda da defensa e ampliación da democracia e os dereitos laborais e sociais. Para mostra aí teñen o que acontece en Wisconsin e Ohio gobernados polo partido republicano: a dereita extrema está a impoñer unha normativa para limitar a negociación colectiva só ao tema salarial á vez que anulan o dereito de folga dos funcionarios. Sen chegar a esa dureza, os ataques dánse en España e Europa: o “Pacto do Euro” trata de impoñer ligar os salarios á produtividade ou a xa aprobada (contra)reforma laboral.
Comparando a situación actual do movemento sindical en Exipto e EEUU, Noam Chomsky afirma que os dous “están a tomar direccións opostas: cara a conquista de dereitos en Exipto e cara á defensa dos dereitos existentes, pero sometidos a duros ataques, en EEUU”: o mesmo que en Europa. Por iso paréceme inexplicable a actitude dos sindicatos europeos de non se mobilizar unitariamente a este nivel porque país a país derrótanos e non avanza a construción democrática de Europa.
Suso Díaz,ex-secretario xeral de ccoo-galicia

______________________________________________________

LEE ISTO, OBREIRO*Begoña Maira.
Se “elexiches” non ter fillos por imposición económica, se eres un dos machacados por vivir ó día, se non podes chegar a fin de mes, se perdiches o traballo, se o banco embargou a túa casa, se vai demasiado tempo que engrosas as listas do INEM, se tes que recurrir á beneficencia porque non tes qué darlle de comer ós teus, a culpa é… túa.

Isto é o que sostén Salvador Sostres nun artigo de opinión publicado este sábado 12 de marzo no diario “O Mundo” baixo o título “Lee isto, obreiro”.

Temos que felicitar a este señor por cuestionar unha das falacias imperantes na actualidade, a saber; a non existencia de clases sociais, “as dúas clases sociais que se establecen fundamentalmente xa non son ricos nin pobres senón intelixentes ou burros, hábiles ou zafios, capaces ou inútiles”. E tamén temos que agradecerlle o seu fraternal consello para nós os parias, de abrazar a economía de mercado,<<se es obreiro e pobre e queres deixar de selo a economía de mercado é o que máis te convén, os parias terían que ser furibundamente partidarios do mercado porque só se o mercado manda de verdade, un pode sacar todo o proveito a súa potencialidade, se es obreiro e queres algún día quitarte de pobre, esixe que a túa única regulación sexa a competencia para que o éxito comercial che permita seguir crecendo no canto de manter a parásitos que non quixeron esforzarse”.

Nestas preocupantes declaracións que por sí mesmas deberan de ser xulgadas coma constitutivas de delito, publicadas nun dos perióricos de maior tirada nacional, Sostres parte da premisa de que o top 20 da listas de Forbes na que figuran homes <<que se teñen feitos a sí mesmos>> coma Amancio Ortega ou o creador do Facebook, demostra que, “xa ninguén pódese excusar na mala sorte, botarlle a culpa ás circunstancias ou ós demáis”.

Este articulista que nin sequera conseguiu rematar a carreira(será por iso polo quen nunca escoitou falar da desigualdade de oportunidades), pero é quen de verter a súa opinión semanalmente no citado rotativo, inquiétanos, a piques de entrar na reforma da negociación colectiva, coa súa concepción dos sindicatos e o Estado do Benestar, os cais, “son no fondo o mal menor, os grandes aliados do status quo, coa súa concepción paternalista da sociedade que frearon a libre competencia e comenzaron a repartir limosna”, e logo do capitalismo, “a liberdade e o capitalismo son os principáis inimigos do luxo, a estética tan admirable das grandes familias e dos seus palacios con mordomos de nítido pelo branco”.

Na mesma orde das cousas, Jose Durao Barroso, o que fora o anfritrión do Trío das Azores, ex Primer Ministro de Portugal e presidente da Comisión Europea ameazaba recentemente ós sindicatos e movimentos populares de Europa con que, se non aceptaban os paquetes neoliberáis de austeridade, poderían instalarse dictaduras militares en España, Grecia e Portugal. A súa mensaxe foi tallante, “se non se imprantan os paquetes de medidas de austeridade, neses países podería desaparecer a democracia como a coñecemos actualmente. Non queda outra alternativa”.

Dendelogo, se o capitalismo tivo nalgún tempo unha faciana amable para os cidadáns das formais democracias occidentáis, éste ténse quitado a máscara e por fin rebélase coma o que verdaderamente é. Un, non ten que ser moi listo para atopar un fascismo latente neste ideario e seica, imos ter que comenzar a pagar por seren cómplices dun imperialismo que practica unha política exterior non respectuosa cos dereitos humanos. Para a nova dereita, se perdes o traballo, se o banco embarga a túa casa, se non podes chegar a fin de mes, se tes que recurrir a caridade porque non tes qué darlle de comer os teus fillos…, o que eres é simplemente un parásito social e o mellor que podes facer é pegarte un tiro porque para os actuáis secuestradores do poder non significamos absolutamente nada. A nova orde mundial cos efectos derivados da internacionalización da producción ten relegado a grande parte da poboación o mesmo status de persoas superfluas que os habitantes do terceiro mundo, consecuencia que se pode xustificar rápidamente mediante a lóxica da “racionalidade económica”. Polo tanto, o que non é rendible ten que morrer, e a poder ser, facelo caladamente, sen alzar a voz, sen molestar.


*Membro da refundación da esquerda,e activista social.

______________________________________________________
FOLGA, FOLGA... FOLGA XERAL 

*Xosé María Dobarro
Domingo, 26 de Septiembre de 2010 00:00 

Para Constantino Trillo, in memoriam, que morreu triste e deprimido por acoso laboral

Contra o paro, contra o capital, folga, folga... folga xeral” berrabamos algúns “inxenuos” hai trinta anos cando nos estaban a desmantelar as industrias da comarca. E acudiamos, puntualmente, ás manifestacións que moitas veces finalizaban no desaparecido estadio do Inferniño. E as súas gradas estaban case –ou máis– cheas que cando xogaba o vello Racing. Naqueles tempos, xa un algo afastados, Tino Trillo era profesor nun instituto de Ferrol e militaba nun dos partidos comunistas escindidos do PC. Andaba sempre coas bandeiras republicanas nas costas e tiña un certo seguimento de xente nova. Tamén algunha de máis idade. Recordo que sempre se poñían na cola das manifestacións para entrar no estadio coas súas bandeiras, dar unha volta á pista de atletismo e subir á torre de maratón colocando a súa –a nosa– insignia. ¡Onde van eses tempos! Folgas xerais que nesa altura houbo que facer. Manifestacións continuas que a xente seguía. E case todas contra o PSOE, a besta negra ó servizo do capitalismo neoliberal. Non, como din os ligh, os supostos modernos, os que –segundo se di, que eu non o creo– chupan de todo aquí e acolá e os que se enriqueceron ilicitamente –eu tampouco o creo– nalgures e nallures. Saberano eles. E que vaian ó ceo libres de pecado. Tino Trillo, como tanta outra xente, acabou crendo neste persoal autodenominado socialista. E por esas andaba cando se lle botaron enriba. Naturalmente, a dereita fascistoide que padecemos. Supoño que actuarían correctamente, porque neste estado de dereito sempre todo se fai ben e acorde coa lexislación vixente. Se Tino vivise iría, con certeza absoluta, á folga do 29. Malia que tivese relación ou militancia no PSOE. Eu, aínda que ese día non teño docencia, tamén vou ir. E quero que me desconten a parte salarial correspondente, que, é moi posible vai ser unha cantidade importante. Máis ou menos 200 euros. Pero a violencia coa que nos está tratando este goberno ós traballadores, que vén sendo unha continuación da de Aznar, á súa vez seguidista da de Felipe González, e a connivencia co gran capital esixe que haxa que dar contestación, e firme e convincente. E, se for posible, moi maioritaria. Canto máis cedamos, máis nos van machacar. De plantarmos cara, se cadra, algo se pode parar. As eleccións municipais –e varias autonómicas– están á beira. Eles verán o que fan. Acabar nos brazos dun PNV que é a dereita pura e dura –amigos do BNG na Galeuscat, por certo– para aprobar uns orzamentos antisociais é grave. Moi pernicioso.
Síntome moi comprometido co proxecto da refundición da esquerda. Paréceme fundamental, pouco para min pero moito para meus fillos, meu neto, meus amigos e amigas máis novos e para a xente que está aí detrás de nós. E por iso o reproduzo:
“A asemblea comarcal de Ferrolterra manifesta o seu apoio á folga xeral convocada para o vindeiro 29 do presente mes polas confederacións sindicais de Comisisóns Obreiras a Unión Xeral de Traballadores e a Confederación Intersindical Galega. Esta asemblea defende a necesidade dunha folga xeral para deter a ofensiva do neoliberalismo que no Estado español e no conxunto da Unión Europea estase a traducir nos axustes económicos brutais inxustos socialmente e regresivos laboralmente.
O goberno español está a poñer o poder político ao servizo do capital poñendo en bandexa a posibilidade do desmantelamento completo do estado de benestar e das conquistas sociais derivadas da loita secular do movemento obreiro. Un estado de benestar e unhas conquistas que, cos seus sistemas de educación e sanidade, pensións e protección social, salarios mínimos e dereitos sociolaborais básicos, implican unha certa redistribución da renda exercida polo Estado que, de non facerse, contriburía a aumentar o proceso de acumulación de capital. Eis o que se pretende: nin máis nin menos que esa porción de renda sexa trensferida ás mans do capital.
Ante esta situación a asemblea comarcal de Ferrolterra de Refundando a Esquerda fai un chamamento á participación na folga xeral e convoca a facer un esforzo a prol da unidade sindical”.
(*) Xosé María Dobarro é catedrático de Lingua e Literatura Galega na Universidade da Coruña